Detido en Cangas por agredir o seu tío cun machete

Un mozo foi arrestado tras unha discusión familiar que rematou cunha ferida de arma branca na cabeza dun familiar.

Imaxe xenérica dun machete con manchas vermellas e cinta policial de fondo.
IA

Imaxe xenérica dun machete con manchas vermellas e cinta policial de fondo.

Un mozo foi detido na tarde deste luns en Cangas como presunto autor dun delito de lesións con arma branca tras un incidente ocorrido nunha vivenda de Coiro.

A alerta recibiuse a través do 112 Galicia, que mobilizou os servizos de emerxencia ante unha presunta agresión entre familiares. Ata o lugar desprazáronse efectivos da Policía Local e da Garda Civil.
Os axentes localizaron o presunto agresor, sobriño da vítima, e adoptaron medidas de seguridade. Finalmente, a Garda Civil procedeu á súa detención como presunto autor dos feitos.
A vítima, tío do detido, presentaba diversas lesións visibles, incluíndo feridas na cabeza e nunha extremidade superior. Ambos residían en vivendas anexas e, segundo as primeiras pescudas, a agresión produciuse no transcurso dunha discusión familiar relacionada con discrepancias sobre o coidado dunha persoa maior.
Os servizos sanitarios atenderon o ferido e trasladárono a un centro hospitalario para a valoración e tratamento das lesións.
Durante a intervención localizouse e asegurou un machete que, presuntamente, se utilizou na agresión. Os axentes tamén observaron indicios que serán analizados na investigación aberta.
Tras ser informado dos seus dereitos, o detido quedou a disposición da Garda Civil, que asumiu a instrución das dilixencias e a custodia dos efectos intervidos.