O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Cangas organiza as II Xornadas do galego no videoxogo e uso saudable, que terán lugar os días 2 e 3 de outubro. Esta iniciativa está pensada especialmente para as familias, co obxectivo de abordar o mundo dos videoxogos dende unha perspectiva profesional, resolver dúbidas e proporcionar ferramentas para acompañar o seu uso no fogar.
A psiquiatra Iria Veiga e o médico de atención primaria Galo Martínez participarán para tratar temas como o tempo de dedicación, a promoción de hábitos saudables, a detección de posibles usos problemáticos e recomendacións para unha integración equilibrada dos videoxogos na vida diaria de nenos, nenas e adolescentes.
Tamén intervirán Lucas Costas, experto do Museo do Videoxogo de Galicia (MUVI), e Mario Brión (Herr Mario), quen actuará como moderador e achegará a súa experiencia como divulgador en redes sociais.
As xornadas terán un carácter aberto e participativo, permitindo ás familias formular preguntas, expresar preocupacións e compartir experiencias para fomentar un debate construtivo. A finalidade é crear un espazo próximo onde obter información útil para abordar o uso dos videoxogos con criterio.
Ademais, as sesións permitirán explorar o videoxogo como elemento cultural, creativo e lingüístico. Os asistentes poderán coñecer e probar videoxogos en galego, así como descubrir aspectos da historia do videoxogo galego. O galego será a lingua vehicular principal durante todas as actividades e o intercambio co público.
As actividades desenvolveranse na sala de exposicións do Auditorio de Cangas. O venres 2, as sesións serán pola tarde, e o sábado 3, pola mañá. Pola tarde do sábado, a partir das 16:30 horas, o Museo do Videoxogo de Galicia abrirá as súas portas de balde ao público, ofrecendo a oportunidade de interactuar cos videoxogos e poñer en práctica o aprendido.
Estas xornadas son organizadas polo Concello de Cangas, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración co MUVI, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia.




