A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, informou este mércores deste trámite que publica hoxe a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia. O contrato, cunha licitación de máis de 240.000€, busca elaborar o proxecto para a obtención de solo destinado á construción destas vivendas na zona das Saíñas. As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 17 de decembro.
Ao menos o 80% das vivendas que se construirán nesta zona serán protexidas con cualificación permanente, e a cifra podería acadar o 100% se así o decide o Concello. O ámbito das Saíñas está delimitado ao norte pola rúa e rotonda da Rúa; ao sur, por vivendas, terreos e o centro de día de Cangas, xunto á estrada PO-551; ao leste, pola estrada PO-554; e ao oeste, polos barrios do Espírito Santo e do Rapadouro. O rego das Saíñas atravesa o ámbito de norte a sur, configurando un parque fluvial que será o eixo da ordenación.
Con este proxecto en Cangas de Morrazo, xa son 13 os Proxectos de Interese Autonómico que o Goberno galego ten en marcha en 12 concellos de Galicia. Outros PIA xa aprobados inicialmente ou en tramitación atópanse en Lugo, Vigo, Arteixo, Pontevedra, Ourense, A Coruña, Santiago de Compostela, Marín, O Porriño, Vilagarcía de Arousa e Ribadeo.




