Durante tres semanas, alumnos de segundo curso da School of Architecture da universidade estadounidense exploraron a contorna deste espazo natural, que abarca máis de 9.000 hectáreas nos municipios de Cabanas, Pontedeume, Monfero, A Capela e As Pontes. O obxectivo é atopar respostas conxuntas aos retos de conservación ambiental, actividade económica, xestión forestal e gobernanza que afronta a zona.
A iniciativa combina "investigación aplicada, traballo de campo e encontros coa comunidade local". O alumnado desenvolverá propostas académicas centradas na protección da biodiversidade, a gandería extensiva, o turismo, a posta en valor do patrimonio, a mobilidade e a integración das enerxías renovables.
O obxectivo non é formular proxectos pechados, senón contribuír ao coñecemento colectivo sobre o territorio e incorporar novas perspectivas a un proceso xa en marcha.
Desde a Fundación RIA explican que o propósito final é "conectar o traballo desenvolvido no Eume con redes académicas internacionais e utilizar a investigación universitaria como ferramenta complementaria para abordar retos complexos do territorio". A alianza prevé novas edicións centradas noutros contextos galegos durante, polo menos, tres anos.
Os estudantes realizaron diversas visitas para coñecer a fondo a rexión. Exploraron o Mosteiro de Caaveiro, coñecendo a súa relevancia histórica e cultural da man de representantes da Deputación da Coruña. Tamén se achegaron ao patrimonio industrial, visitando a central hidroeléctrica de Ventureira e a presa do Eume.
O percorrido incluíu tamén iniciativas agroalimentarias como a gandería O Prado en Campo Capela, a Casa do Mel de Goente e a fábrica de Queixería do Eume na Faeira. A última xornada de visitas terá lugar o mércores, co percorrido polo Marco da Curra e o mosteiro de Monfero pola mañá, e a senda de Os Cerqueiros pola tarde.




