O novo servizo, que conta cun investimento anual de 415.800 euros, garantirá a limpeza e as condicións de hixiene nos centros educativos durante os próximos catro anos. A aprobación inicial dos orzamentos municipais de 2027 permitiu avanzar na tramitación deste contrato, que mellora o control do servizo e inclúe medidas para favorecer a inclusión laboral, reservando un dos lotes para empresas de inserción e centros especiais de emprego.
O contrato, cun orzamento total de 1.663.200 euros (IVE incluído), abarca os colexios CEIP Fermín Bouza Brey, CEIP As Veigas, CEIP Feliciano Barrera (Guláns), CEIP Santiago de Oliveira e CEIP Mestre Ramiro Sabell Mosquera. As empresas interesadas teñen de prazo ata o 14 de decembro para presentar as súas ofertas.
A alcaldesa, Nava Castro, destacou que o obxectivo é "garantir unhas condicións axeitadas de limpeza, hixiene e salubridade nos centros educativos", asegurando a continuidade dun servizo esencial para a comunidade educativa. Sinalou que esta medida forma parte da planificación municipal estratéxica.
O concelleiro de Economía e Facenda, Francisco Jesús Represas, subliñou que a aprobación inicial do orzamento de 2027 foi fundamental para financiar o servizo e permite transformar as necesidades dos veciños en servizos concretos, garantindo os recursos para a limpeza dos colexios durante os próximos catro anos.
Unha das novidades é a división do contrato en cinco lotes, un deles reservado para centros especiais de emprego e empresas de inserción, co obxectivo de favorecer oportunidades laborais para persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.
O servizo prevé 16.600 horas anuais de limpeza nos cinco centros durante dez meses ao ano, incluíndo a limpeza diaria de aulas, corredores, aseos, reposición de consumibles e retirada de residuos, ademais de actuacións específicas como a limpeza integral de fiestras e canlóns.




