O Club Os Caminhantes do Condado organiza a X edición do Trail de Arcos – José Teixeira o vindeiro 18 de outubro de 2026 en Ponteareas. A proba, que rende homenaxe ao deportista José Teixeira, espera entre 450 e 500 participantes de Galicia, España e Portugal.
A principal novidade deste ano é que todas as modalidades da carreira atravesarán o interior do emblemático Castelo de Sobroso, utilizando un acceso que habitualmente permanece pechado ao público xeral. A saída e a meta estarán situadas no Centro Cultural de Arcos. O percorrido, composto nun 97% por pistas de terra, camiños e sendeiros forestais, levará aos corredores polos montes da Picaraña, Coto Landín e o río Xabriña.
O concelleiro de Deportes, Nicolás Rodríguez, destacou o atractivo histórico da ruta polo patrimonio local, mentres que a alcaldesa, Nava Castro, resaltou o arraigo da proba e o seu papel na proxección de Ponteareas, así como na promoción da riqueza natural e gastronómica da zona.
O evento contará con catro modalidades: o Trail Longo (26 km) cun desnivel positivo de 1.600 metros; o Trail Curto (16 km) con 1.050 metros de desnivel positivo; o Mini Trail (11,5 km) con 650 metros de desnivel positivo, que tamén conectará co Castelo de Vilasobroso; e a Andaina (8 km).
A organización ofrecerá servizos como vestiarios, duchas, gardarroupa, bolsa de corredor, medallas e un agasallo Finisher para quen complete as distancias de 16 km e 26 km. A xornada rematará coa entrega de trofeos, sorteo de agasallos e un xantar de convivencia.
As inscricións permanecerán abertas na plataforma Cronotec ata mañá xoves 15 de outubro ás 23:59 horas.




