A presentación do evento contou coa presenza do deputado de Cultura, Jorge Cubela, e do alcalde das Neves, José Manuel Alfonso.
Jorge Cubela destacou que "Son Verán" é unha nova proposta cultural que busca achegar estilos e propostas alternativas á programación habitual, abarcando catro bloques: ópera, musical, tradicional – celta e músicas do mundo. O ciclo está a ter unha "gran acollida e unha grande afluencia de público".
Co seu espectáculo "Ambos mundos", Roi Casal presentará unha fusión de tradición galega e modernidade, combinando producións recentes dos EE.UU. cos seus grandes éxitos.
O ciclo "Son Verán" inclúe un total de 13 actuacións en 8 comarcas da provincia, con especial atención aos concellos de menos de 20.000 habitantes. O programa xa contou con concertos de Gabriel Fandi, Laroá, ÓperaConcert e Queiman Folk en agosto, e tamén pasou pola Guarda e Marín con Laroá e Carlos Núñez. Roi Casal actuará tamén en Redondela o 20 de setembro, e o ciclo rematará o 26 de setembro no Porriño.




