O suceso tivo lugar o domingo arredor das 19:00 horas, cando un vehículo embistiu a un ciclista que adestraba. O condutor, que presentaba "signos evidentes" de estar baixo a influencia do alcol, está sendo investigado por catro delitos. O ciclista, un bombeiro de Ponteareas, atópase ingresado no hospital con feridas graves. Pouco despois do impacto, o coche implicado comezou a arder e quedou calcinado.
A Garda Civil iniciou unha investigación para esclarecer as circunstancias do incidente. O condutor foi sometido a unha proba de alcoholemia que arroxou un resultado "moi por encima" do límite permitido, aínda que posteriormente se negou a realizar unha segunda proba de contraste. A pesar da negativa, os axentes confirmaron os "signos evidentes" de consumo de alcol.
Actualmente, o home está investigado policialmente por catro delitos: negativa a someterse á proba de contraste, condución temeraria, lesións graves por imprudencia e condución baixo os efectos do alcol. Estas imputacións están pendentes do que determine a instrución xudicial.
“"O ocorrido non é un accidente. Cando un condutor circula triplicando a taxa de alcoholemia, ou o fai a velocidades incompatibles coa seguridade, non falamos de fatalidade, falamos dun delito."
A Federación Ciclismo Galego emitiu un comunicado no que expresa o seu apoio á familia do ciclista ferido e subliña a gravidade do atropelo, ocorrido mentres o deportista adestraba. O organismo federativo recalcou que este tipo de incidentes non deben ser considerados "accidentes", senón "delitos", especialmente cando hai factores como o consumo de alcol ou a condución temeraria.
Desde a federación alertaron de que os ciclistas, xunto cos peóns e motoristas, constitúen o "grupo máis vulnerable" nas vías públicas. Fixo un chamamento a non "normalizar" o incremento de vítimas e sucesos deste tipo, afirmando que "non podemos aceptar que adestrar, desprazar ou simplemente gozar da bicicleta supoña xogar coa vida".
Por iso, a entidade esixe máis controis, maior prevención, unha mellor educación viaria e unha "protección real" para os usuarios máis vulnerables. Recordou que a "convivencia na estrada é responsabilidade de todos, pero especialmente de quen conduce vehículos capaces de causar danos irreparables", e que "a vida dun ciclista, dun peón ou dun motorista depende das decisións que tomen ao volante".




