O Festival Ou Yeah! chega esta fin de semana ao Carballiño co apoio dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia. A cita contará coa actuación dunha das bandas máis recoñecidas do rock en España, Burning, que celebra cinco décadas sobre os escenarios. O concerto, de acceso gratuíto, terá lugar na praza de Veracruz da localidade ourensá, este venres, 31 de xullo, a partir das 22:30 horas.
Esta segunda edición do Ou Yeah! en 2026 conta co patrocinio da Xunta de Galicia e consolida unha proposta cultural que integra música, territorio, patrimonio e gastronomía. Na presentación oficial do evento participou o comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román.
O festival expande a súa proposta por diferentes puntos da provincia de Ourense. Tras os concertos de The Rapants e Loquillo en xuño, a actuación de Burning é a seguinte cita destacada. En outubro, Luz Casal porá o broche final ao festival.
Marcos Gómez Román destacou durante a presentación que "Ou Yeah! entende a música como unha ferramenta para descubrir o territorio, poñer en valor a identidade local e crear experiencias capaces de atraer visitantes e xerar actividade económica arredor da cultura". Subliñou tamén o acerto da proposta diferenciadora dentro da programación musical galega, que contribúe a descentralizar a oferta cultural.
Ademais da música, o festival reforza a súa dimensión gastronómica coa participación de cociñeiros da asociación Cociña Ourense, que elaborarán propostas culinarias específicas para cada cita, poñendo en valor o produto local e o talento gastronómico da provincia.
Os Concertos do Xacobeo continúan impulsando un modelo cultural descentralizado, apoiando preto dunha vintena de eventos na provincia de Ourense neste 2026, que buscan dinamizar económica e turisticamente as vilas e comarcas.




