O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou o Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira como “un referente único na súa especialidade” durante a apertura da exposición ‘Litogravado’. A mostra reúne obra de 39 artistas, froito de tres obradoiros desenvolvidos no museo nos pasados meses.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude agradeceu o esforzo do director do espazo, Xoán Pastor, e felicitou o profesor José Fuentes polo seu labor nos talleres de litogravado. Fuentes descubriu esta técnica en 1985, experimentando cos principios do gravado en metal para resolver problemas históricos da estampaxe sobre pedra calcaria.
A exposición, aberta ao público desde hoxe e ata finais de xaneiro, mostra como se poden crear imaxes debuxando directamente sobre unha prancha de cobre cun lapis litográfico, destacando o valor do museo como centro de investigación e difusión de arte.
Anxo M. Lorenzo resaltou a iniciativa que “pon en valor este museo como centro de investigación e difusión, facendo del un equipamento vivo, dinámico e acolledor para a creación artística”, referíndose ás posibilidades dos novos espazos habilitados para proxectos de formación e investigación.




