O Concello de Pereiro de Aguiar está a desenvolver actuacións de mellora da mobilidade peonil e da accesibilidade, co apoio da Xunta, que tamén contribuírán á promoción turística dos recursos locais. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitou as obras esta mañá.
O proxecto busca avanzar cara a unha mobilidade urbana máis sostible e segura mediante a creación de percorridos peonís continuos e accesibles. Reorganizaranse os espazos existentes e renovaranse os pavimentos, ampliando as beirarrúas coa redución do espazo de aparcamento para dar maior protagonismo aos desprazamentos a pé.
Unha das intervencións principais terá lugar na travesía da Derrasa, onde se ampliarán e renovarán as beirarrúas para garantir a accesibilidade. Conectaranse ademais as dúas sendas executadas previamente pola Xunta, asegurando a continuidade dos percorridos peonís.
Estas obras forman parte do apoio de Turismo de Galicia ao desenvolvemento turístico de Pereiro de Aguiar. Complementaranse coa sinalización turística e o embelecemento dos accesos aos recursos locais, co obxectivo de mellorar a imaxe do municipio e a experiencia dos visitantes.
O conxunto destes investimentos busca mellorar a integración dos recursos turísticos no territorio e reforzar o posicionamento de Pereiro de Aguiar como porta de entrada á Ribeira Sacra.




