O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na presentación da programación do festival Titiribeira, que se celebrará en Rianxo entre o 18 e o 23 de agosto. Este evento, que conta co apoio da Xunta de Galicia, busca converter a vila barbanzá nun punto de encontro clave para o teatro de monicreques tradicional na Península Ibérica.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude achega 20.509 euros a esta edición, como parte dun investimento total de 290.000 euros destinado a apoiar 13 festivais profesionais de artes escénicas en Galicia. Titiribeira intégrase tamén na campaña de verán do Goberno galego, Para gustos, cultura, que ofrece 3.600 propostas culturais en máis de 200 concellos.
O festival presentará unha trintena de actividades, incluíndo dez estreas de compañías galegas. Participarán propostas procedentes de Galicia, Portugal, Aragón, Euskadi, Cataluña, Andalucía e Castela e León, consolidando a cita como un espazo para a creación, exhibición e conservación desta disciplina artística.
Jacobo Sutil destacou o papel dos festivais especializados como Titiriberia para fortalecer o ecosistema das artes escénicas galegas e crear espazos de encontro. Subliñou que o teatro tradicional de monicreques forma parte do patrimonio cultural galego e gabou o traballo da Asociación Morre o Demo, entidade organizadora, por mantelo vivo.
A programación inclúe dez novas estreas de espectáculos impulsados por compañías galegas, como a nova versión de A festa dos títeres (Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán), Treco-lerias (Trécola Producións), e A rosa de papel (Alakrán). Tamén se presentarán Mamulengo galego e Cantar do ano (Seisdedos), Retratos de verán (Babaluva), Divertimentum Musicum e Sós, o mar, o barco e máis nós (Os Monicreques de Kukas), Retrincos: Sabela e Peito de Lobo (inspirada en Castelao por Airiños), e as Varietés do Barriga Verde.
Ademais das compañías galegas, Titiriberia contará coa presenza de grupos de Portugal, Aragón, Euskadi, Cataluña, Andalucía e Castela e León. A actividade distribuírase por diversos espazos de Rianxo e as súas parroquias, incluíndo Taragoña, Araño, Isorna, Leiro e a praia de Tanxil.
O festival tamén inclúe actividades paralelas como a exposición 40 anos de monicreques (dedicada a Tanxarina), mostras de Trécola e da Asociación Morreu o Demo sobre o patrimonio europeo da marioneta tradicional. A Escola de Títeres Barriga Verde organizará un curso de manipulación impartido polo mestre portugués José M. Valbom Gil.




