O Centro Cultural Lustres Rivas acollerá o vindeiro venres, día 12 ás 20.00 horas, a posta de longo do libro Enrique e Manuel Fernández Sendón. Memoria, palabra e represión. A obra, escrita por X. L. Axeitos, Uxío Bobillo e Carlos Cimadevila, forma parte da colección de Episodios Republicanos Barbanzáns e busca dignificar a memoria de quen loitaron polos principios democráticos.
O acto, impulsado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza (CRMHB) co apoio do Concello de Ribeira, contará coa presenza da concelleira de Cultura, Ana Barreiro; o presidente da CRMHB, Carlos Cimadevila; un dos autores, Xosé Luís Axeitos; e o psiquiatra xubilado, Fidel Vidal.
A publicación profundiza na traxectoria destes dous veciños de Ribeira, recoñecidos polo seu labor político, literario e sindical. A obra destaca o seu compromiso coa defensa dos valores democráticos durante a Guerra Civil e a posterior ditadura.
O primeiro tenente de alcalde, Vicente Mariño, subliñou o apoio municipal a iniciativas como esta, destacando o traballo da CRMHB dende a súa creación en 2012 e as súas contribucións á memoria histórica na comarca, incluíndo presentacións de libros e a instalación dunha peza artística en Ribeira.
Dende a CRMHB, os seus representantes sinalaron que o libro é un "exercicio de recuperación da memoria histórica e tamén da dignificación de dúas figuras castigadas pola represión franquista". Engadiron que a obra reconstrúe as súas vivencias, o seu compromiso republicano e o impacto cultural e humano que deixaron na sociedade galega, a pesar de décadas de silencio.




