Once obras da contorna de Santiago e Barbanza, premiadas polo COAG

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia recoñece traballos destacados en Ribeira, Outes, Rianxo, Teo e Santiago.

Imaxe xenérica dunha maqueta de arquitectura nun estudo profesional.
IA

Imaxe xenérica dunha maqueta de arquitectura nun estudo profesional.

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) celebrou este sábado no Teatro Principal de Santiago a entrega da segunda edición dos Premios Próximos, que distinguiron once traballos arquitectónicos.

O acto, ao que asistiron preto de 200 persoas, serviu para poñer en valor a calidade da arquitectura que se desenvolve no territorio máis próximo. Entre as actuacións galardoadas atópanse proxectos de diversas localidades, como o centro de hidroterapia de Albeida en Outes, o apeadoiro de autobuses da avenida do Malecón en Ribeira, a rehabilitación do Pazo do Martelo en Rianxo e a reforma da escola infantil de Cacheiras en Teo.
A convocatoria contou con 40 propostas presentadas, das cales un xurado especializado seleccionou as once gañadoras. Durante a gala, os representantes do COAG destacaron a importancia de apostar por unha arquitectura comprometida coa contorna, a cidadanía e a sostibilidade, lonxe das solucións rápidas ou dos beneficios a curto prazo.

Estes premios non son unha competición na que se resalta o valor icónico dunha obra, senón unha mostra significativa do que se está a facer para trasladalo á sociedade como resultado dun esforzo colectivo.

Os responsables da entidade colexial subliñaron que estes galardóns recoñecen tamén o impacto económico e social da profesión, especialmente nun momento onde a rehabilitación e a planificación urbana son esenciais para o futuro das vilas e cidades galegas.