O Consello da Xunta deu luz verde á licitación dun contrato que reestruturará o transporte interurbano na comarca, adaptándoo ás necesidades reais de mobilidade da cidadanía. O obxectivo principal é mellorar o servizo con máis frecuencias, mellores horarios e o reforzo das conexións directas coa capital galega, facilitando o acceso a servizos esenciais como a sanidade e a educación, incluíndo o Hospital da Barbanza e os institutos de Ribeira e Padrón.
O novo sistema abranguerá unha ampla área xeográfica, incluíndo os concellos de Ames, Boiro, Dodro, Lousame, Noia, Padrón, A Pobra do Caramiñal, O Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Santiago de Compostela e Teo. Unha das melloras máis significativas será o incremento das conexións directas entre Ribeira e Santiago, complementadas por un servizo entre Aguiño (en Ribeira) e Rianxo con paradas intermedias. Isto permitirá conectar a comarca con Santiago cada hora de luns a venres laborables e cada dúas horas os fins de semana e festivos, cun primeiro servizo ás 6:00 dende Ribeira e o último ás 22:15 dende Santiago.
Ademais, seis servizos diarios adaptaranse aos turnos do persoal sanitario dos hospitais composteláns, e dous terán paradas específicas en San Caetano e San Lázaro. As liñas directas ofrecerán 30 servizos diarios de luns a venres e 18 nos fins de semana. A conexión comarcal entre Aguiño e Rianxo facilitará o enlace cos núcleos da comarca coas liñas directas na Ponte de Té, con 60 servizos diarios de luns a venres e 36 nos fins de semana.
Tamén se mellorará o transporte aos centros educativos, con novos itinerarios e horarios axustados, especialmente para solucionar a falta de prazas no IES Leliadoura e para dar servizo aos estudantes de bacharelato e formación profesional. Creouse unha liña específica para o alumnado de Dodro que estuda nos institutos de Padrón. A conexión entre as comarcas de Barbanza e Noia tamén se optimizará.
A nova concesión inclúe 48 vehículos, cinco máis que os actuais, e a maioría terán máis de 55 prazas, sumando un total de 28 autobuses de alta capacidade. O volume de servizos anuais superará os 3 millóns de quilómetros. Unha vez finalizada a tramitación, publicarase a licitación na Plataforma de contratación pública de Galicia para a súa adxudicación e posta en funcionamento, sen que se anunciaran prazos concretos por agora.




