O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor hoxe a candidatura "sólida, rigorosa e novidosa" que o Goberno autonómico presenta da Ribeira Sacra ante o Comité de Patrimonio Mundial que comeza hoxe na República de Corea. Unha proposta que fai fincapé na singularidade da paisaxe e o patrimonio hidráulico desta zona para acadar o recoñecemento que concede a Unesco.
Rueda lembrou que a Xunta investiu 8 millóns de euros nos últimos anos na conservación de bens da Ribeira Sacra e que levou a cabo 90 actuacións en colaboración con outras administracións e entidades. Nesta liña, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, resaltou que esta "candidatura de país" xa permitiu que a Ribeira Sacra "sexa un territorio máis vivo, coidado e recoñecido".
O Comité, que se celebrará ata o vindeiro 29 de xullo na cidade de Busán, contará coa asistencia do director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, acompañado polo coordinador da candidatura, Mario Crecente. Tamén está prevista a asistencia do embaixador de España ante a Unesco, Miquel Iceta, e de representantes ministeriais.
En total, serán 33 os expedientes que se avaliarán nesta sesión. A valoración realizarase entre o venres e o luns, e a resolución sobre a candidatura galega prevese "entre o domingo 26 e o luns 27". Os 21 embaixadores dos Estados membros avaliarán a proposta, que chega tras un longo traballo iniciado hai décadas.
A proposta baséase nos atributos excepcionais e únicos desta paisaxe construída co uso da auga, destacando a espectacularidade dos canóns e vales fluviais, así como o seu patrimonio hidráulico con infraestruturas como muíños e saltos de auga. Paralelamente, a Xunta traballou na conservación e posta en valor de bens patrimoniais na comarca de Lugo e Ourense.




