O proxecto de Orixe Salgada foi distinguido na sexta edición do encontro AxTodas, celebrado en Madrid, destacando a súa innovación e contribución ao desenvolvemento sostible do medio rural. O galardón está patrocinado pola Cátedra AgroBank UCLM.
Desde o Coworking Lab Barbanza, un espazo municipal integrado na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña, Orixe Salgada desenvolve unha biorrefinería que utiliza algas mediante química verde. Baixo a marca Salgada Bio, crea bioestimulantes naturais para a agricultura ecolóxica, e coa marca Mareira Labs, ingredientes para as industrias cosmética e farmacéutica.
Este premio súmase ao recoñecemento anterior de Orixe Salgada co Premio PEL da Deputación da Coruña o ano pasado. Ambos os galardóns consolidan a empresa e o Lab Barbanza como referentes en Galicia na bioeconomía azul e no emprendemento sostible.
Orixe Salgada é a segunda empresa da rede provincial de coworking en recibir un premio esta semana, despois de que Tribo Solutions fose recoñecida co premio AJE.




