A praza de abastos de Boiro convértese así na oitava instalación de Galicia en obter este distintivo, que xa posúen os mercados de Tomiño, Vilagarcía de Arousa, Pontedeume, Carballo, Ribeira, Ponteareas e Tui. A colocación do selo realizarase nos próximos días.
Esta distinción forma parte do obxectivo de acadar 25 espazos con este recoñecemento en 2030, enmarcado no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030. O mercado de Boiro destaca por contar con preto de medio cento de postos que ofrecen unha ampla variedade de produtos frescos, de proximidade e de alta calidade, incluíndo peixe, marisco, carne, froitas, verduras, conservas, conxelados, flores e servizos de hostalería e arranxos de costura.
O recoñecemento é resultado do traballo conxunto entre a Xunta de Galicia e o Concello de Boiro, coa finalidade de consolidar as prazas de abastos como puntos neurálxicos para a comercialización de produtos frescos de proximidade e centros de actividades que dinamizan as vilas e cidades galegas.




