A experiencia de Tomiño na transformación dos espazos públicos e na participación cidadá foi un dos eixos do debate sobre o futuro dos gobernos locais no foro «Territorios que lideran. O futuro comeza no local». O encontro tivo lugar na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de Santiago de Compostela, impulsado pola USC coa colaboración da Deputación da Coruña.
Sandra González interveu na conversa sobre o futuro do municipalismo en Galicia, moderada pola decana Marta Lois. Compartiu espazo con Carmela López, alcaldesa de Burela e presidenta da Deputación de Lugo, e María Rozas, tenente de alcaldesa de Santiago de Compostela. A sesión permitiu intercambiar experiencias de goberno e reflexionar sobre os cambios necesarios para reforzar as administracións máis próximas á cidadanía.
A alcaldesa explicou o cambio de modelo iniciado en Tomiño hai case vinte anos, enfocado na recuperación de espazos para as persoas fronte ao predominio do coche. Actuacións como a da Praza do Seixo ou as de Goián exemplifican a aposta por un concello máis accesible, amable, verde e seguro. «O espazo público condiciona como vivimos e como nos relacionamos», sinalou, subliñando a súa importancia para construír comunidade nun territorio rural.
A participación veciñal foi outro dos piares da súa intervención. González defendeu a escoita activa como parte da xestión ordinaria e das decisións municipais, mencionando iniciativas como O Concello Escoita, os consellos parroquiais, as mesas de saúde e Voces Novas, que achega a perspectiva da infancia e mocidade. «Se queremos unha cidadanía implicada dentro de dez anos, temos que empezar hoxe», afirmou.
No debate sobre as relacións entre administracións, González reclamou que o aumento de funcións e responsabilidades municipais vaia acompañado dos recursos económicos necesarios. Advertiu de que os concellos asumen máis servizos, especialmente no ámbito social, sen que o financiamento medre ao mesmo ritmo. Tamén destacou a necesidade de reforzar os equipos técnicos para acceder a convocatorias de financiamento e executar proxectos.
Finalmente, González reivindicou un rural con capacidade para ofrecer oportunidades e calidade de vida, cunha planificación a longo prazo. «Debemos construír territorios nos que a xente queira quedar, queira volver e nos que as novas xeracións vexan futuro», expresou, defendendo a proximidade, a comunidade e a identidade como fortalezas para o municipalismo.




