A Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño reuniuse para analizar as carencias do proxecto de transporte público da Xunta de Galicia, que afecta á mobilidade de A Guarda, O Rosal, Tui e Tomiño. Os concellos, que presentaron alegacións, advirten de que o deseño previsto non mellora o servizo actual nin resolve os problemas cotiáns da veciñanza.
Como principal acordo, a Mancomunidade solicita unha reunión conxunta dos catro concellos coa Dirección Xeral de Mobilidade antes da aprobación definitiva e a incorporación das súas alegacións. Consideran imprescindible que a Xunta escoite as demandas do territorio e revise a proposta.
Os membros da Mancomunidade puxeron en común as queixas da veciñanza, que sinalan liñas onde o autobús xa vai completo na terceira parada e situacións diarias con máis de cen persoas esperando en Vigo. Vídeos de autobuses cheos con xente de pé evidencian a saturación, e os concellos denuncian que a nova proposta non ofrece solucións.
As alegacións municipais reclaman a reorganización das liñas aos hospitais Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro, o reforzo do transporte co campus universitario de Vigo, o redeseño da liña semidirecta e máis servizos os fins de semana. Tamén piden mellorar a conectividade interior con servizos circulares, incorporar o núcleo urbano do Rosal e articular o territorio rural, ademais de garantir a accesibilidade e a transparencia da información.
Insístese na necesidade de información clara e actualizada nas paradas sobre liñas, percorridos e horarios, así como a comunicación de cambios e incidencias. Os concellos consideran que facilitar estes datos é unha obriga básica e necesaria para o uso de confianza do servizo, accesible tamén para quen non utiliza ferramentas dixitais.
A Mancomunidade reclama que a Xunta aborde estes problemas cos catro concellos antes de aprobar o proxecto. As queixas recibidas polas administracións locais evidencian a insuficiencia do servizo actual, e a nova concesión debe corrixir estas carencias para garantir os desprazamentos da veciñanza.




