A preocupación compartida polos municipios ante os constantes cortes de subministro eléctrico levou á Mancomunidade a acordar unha reclamación conxunta á compañía para esixir solucións que garantan un servizo estable en toda a comarca. As queixas veciñais reflicten unha situación que se repite con interrupcións sen previo aviso, mesmo sen condicións meteorolóxicas adversas, afectando ao día a día dos fogares, ocasionando paralizacións da actividade, avarías e perdas económicas no comercio, hostalaría e empresas.
Á frecuencia dos cortes súmase a falta dunha canle de comunicación directa coa compañía. Por iso, tamén se reclama información clara sobre as incidencias e as zonas afectadas, así como unha comunicación máis áxil cos concellos para poder informar á poboación sobre o restablecemento do servizo.
Ante esta situación, a Mancomunidade solicitou unha reunión co responsable de zona e co delegado institucional da compañía eléctrica. O obxectivo é abordar as actuacións necesarias, incluíndo unha revisión da rede de distribución por parte de UFD para identificar a orixe dos problemas e concretar as medidas de mantemento, reparación ou mellora que cómpre acometer na comarca.
Esta iniciativa dá continuidade a numerosos escritos e chamadas municipais sen mellora efectiva. A Mancomunidade esixe unha resposta concreta con medidas e prazos de execución, insistindo en que os cortes reiterados non poden asumirse como algo habitual nun subministro esencial para a veciñanza e a actividade económica do Baixo Miño.




