A defensa da sanidade pública volve mobilizar o Baixo Miño. Este mércores 4 de novembro, a veciñanza da comarca terá á súa disposición autobuses para desprazarse ata Vigo e participar na manifestación convocada por SOS Sanidade Pública baixo o lema ‘Máis sanidade pública para a área sanitaria de Vigo’, unha nova xornada de reivindicación para reclamar melloras na atención sanitaria e no funcionamento dos servizos públicos de saúde.
Os autobuses sairán da Guarda ás 17.30 horas e realizarán paradas no Rosal, facilitando o desprazamento das persoas interesadas en participar nesta mobilización. Para reservar praza ou consultar os puntos de recollida, a veciñanza pode chamar ao 986 61 04 65.
A manifestación, que arrancará ás 19.00 horas na praza de España de Vigo, reunirá a veciñanza dos diferentes municipios da área sanitaria para dar visibilidade ás necesidades asistenciais do territorio e reclamar unha atención sanitaria pública, accesible e de calidade, con recursos suficientes para dar resposta ás demandas da poboación.
Esta mobilización chega nun contexto de preocupación pola situación da atención primaria en municipios como O Rosal, onde as demoras para conseguir unha cita médica e a falta de profesionais suficientes no centro de saúde son algunhas das principais dificultades que afectan á veciñanza.
O Concello leva tempo reclamando melloras na asistencia sanitaria e unha dotación de persoal que permita responder ás necesidades da poboación. As dificultades para acceder a unha consulta en prazos razoables, que en determinados momentos chegaron a supoñer esperas de varias semanas, poñen de manifesto a importancia de reforzar os recursos da atención primaria, especialmente nos municipios rurais.




