A colaboración entre a Xunta e o Festival Música no Claustro, que este ano celebra a súa undécima edición na Catedral de Tui, céntrase este ano na modalidade Resonancias 26. Este formato renovado deixa de ser un foro de debate para converterse nun espazo de práctica centrado nos oficios artesanais vinculados á construción e mantemento de instrumentos musicais.
As inscricións xa están abertas para os tres obradoiros que terán lugar entre o 4 e o 6 de agosto. O obxectivo é ofrecer formación especializada a lutieres, intérpretes e estudantes de música.
O Espazo lutier desenvolverase en horario de 16,00 a 19,00 h. e contará con dez prazas por curso.
O martes 4 de agosto arrincará o obradoiro de mantemento de instrumentos de vento madeira, impartido polo lutier Adrián Vilaboa. O mércores 5 de agosto, o lutier José Catoira, inscrito en Artesanía de Galicia, impartirá o obradoiro de mantemento de instrumentos de corda fretada. Ambos os talleres abordarán aspectos básicos de construción e mantemento, con sesións prácticas de análise e mellora dos instrumentos dos participantes. Cada curso ten un custo de 30 euros para o público xeral e 20 euros para os titulares de obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia.
Ademais, entre o martes 4 e o xoves 6 de agosto, en horario de 16,00 a 20,00 h., desenvolverase o obradoiro Debuxar o son, dirixido pola ilustradora e artesá Iria Prol. O obxectivo é documentar o festival a través da ilustración dun caderno persoal, centrándose na arquitectura da Catedral de Tui, nos instrumentos musicais e nas mans das persoas artesás. Este taller de 12 horas de duración ten 10 prazas dispoñibles e custa 50 euros para o público xeral e 40 euros para os inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.
As xornadas de debuxo incluirán exercicios breves, bosquexos rápidos e debuxo en directo, culminando cun caderno propio para cada participante. O martes 4 centrarase na arquitectura do claustro e da Catedral, e no obradoiro de vento madeira. O mércores 5, no órgano e nos instrumentos de corda fretada. O xoves 6 realizarase debuxo en directo durante o ensaio dunha formación musical, traballando figuras, movemento e composición, e pechando coa revisión dos cadernos.




