A nova máquina, destinada a reforzar os labores de limpeza e recollida de residuos nas vías públicas, contou cunha axuda da Xunta de preto de 78.000 euros do Fondo de Compensación Ambiental non competitivo de 2026. A Xunta reafirma así o seu compromiso co desenvolvemento sostible e o apoio aos concellos na preservación do medio ambiente.
A representante autonómica coñeceu as características deste novo equipamento, autopropulsado e con sistema de varrido por aspiración, que mellorará os medios materiais do Concello para o mantemento dos espazos públicos. Conta con dous cepillos laterais, tolva de residuos e unha cabina acondicionada para o operario.
Belén do Campo destacou a utilidade destes investimentos para reforzar os servizos municipais e a importancia da colaboración entre a Xunta e os concellos. O Fondo de Compensación Ambiental apoia actuacións de protección, conservación e mellora do medio ambiente, así como unha xestión máis sostible dos recursos.
O Fondo de Compensación Ambiental distribúe o canon eólico para a conservación e restauración da contorna. A liña non competitiva, dotada con 6 millóns de euros, diríxese aos concellos con parques eólicos ou vías de evacuación. Na provincia da Coruña, repartíronse máis de 2,1 millóns de euros para 42 proxectos en 2026, e na comarca do Barbanza, 10 concellos recibiron máis de 528.000 euros.
As axudas subvencionan investimentos en protección ambiental, eficiencia enerxética, redución da contaminación lumínica, instalacións de enerxía renovable, adquisición de vehículos con distintivo ambiental cero emisións ou eco, e infraestruturas para o uso recreativo e didáctico dos recursos naturais.




