A Consellería do Medio Rural informou da extinción do incendio forestal que se declarou no concello coruñés do Porto do Son, na parroquia de Ribasieira. O lume, que comezou ás 14,42 horas do pasado luns, foi dado por extinguido ás 19,11 horas deste xoves.
O balance final do incendio sitúa a superficie afectada en 57,24 hectáreas. Delas, 50,24 hectáreas corresponden a monte raso e as sete restantes a arborado.
Para a extinción do lume mobilizáronse un total de 2 técnicos, 34 axentes, 46 brigadas, 29 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 5 avións.
A Consellería do Medio Rural recorda á cidadanía a importancia de alertar sobre calquera lume forestal chamando ao número gratuíto 085. Tamén se dispón da aplicación móbil ALume para avisar sobre incendios activos e dun teléfono anónimo, 900 815 085, para denunciar actividades delituosas incendiarias. A información actualizada sobre incendios de máis de 20 hectáreas está dispoñible en @incendios085.




