A intervención tivo lugar aproveitando os traballos de restauración dos restos do acueducto medieval expostos na rúa Rodríguez Cadarso, que foron trasladados alí en 2013 para a súa musealización. A edificación na que se atopaba a obra conta con protección ambiental, o que xerou controversia.
O voceiro municipal do BNG, Ricardo Suárez, sinalou que "ningún veciño ou veciña, nin tampouco a Administración, pode facer unha actuación deste tipo nun inmoble con protección". Criticou que a autorización por parte do anterior Goberno local, presidido por Santiago Freire, supuxo "un quebranto da normativa".
Suárez engadiu que o mural "nin sequera pasou pola comisión especial do casco histórico", un trámite obrigatorio para calquera actuación en propiedades desta zona. "A administración local nunca debería estar por riba das normas", recalcou.
O BNG recoñece que a obra podía ser "visualmente atractiva", pero subliña que o debate vai "máis alá de que unha obra poida parecer máis ou menos fermosa". "Trátase de respectar a lei e de que non haxa un agravio comparativo para quen ten propiedades no casco histórico", argumentou o edil nacionalista.
Segundo o BNG, técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio e da oficina municipal de Rehabilitación xa certificaran hai dous anos que o Goberno local "pasara por riba da legalidade" ao non realizar os trámites necesarios para actuar sobre un muro con protección ambiental.




