A líder nacionalista, tras reunirse con representantes da Confraría de Noia, anunciou que o seu grupo parlamentario pedirá no Parlamento de Galicia que o Goberno galego solicite a declaración de "zona de emerxencia por borrascas" para a costa. Esta medida busca paliar os efectos da intensa baixada de produtividade que o sector experimenta desde hai anos, e que o BNG reclama que sexa obxecto dun estudo científico.
A situación agravouse este ano polos fortes temporais, que paralizaron a actividade durante meses e causaron unha mortaldade masiva de especies como o berberecho e a ameixa xapónica na ría de Noia. Esta circunstancia deixou a centos de mariscadores sen ingresos e sen as axudas necesarias por parte das administracións.
“"Isto está provocando que centos de persoas que viven directamente do marisqueo aquí non teñen ingresos e non están tendo as axudas necesarias por parte das diferentes Administracións."
Ademais da declaración de emerxencia, a formación propón bonificacións retroactivas nas cotas das mariscadoras desde o mes de novembro e a creación dun plan específico de axudas para o sector, con "normas claras e recursos suficientes".
A portavoz tamén abordou a problemática específica da ría de Muros-Noia, relacionada co impacto negativo do baleirado do encoro do río Tambre. Criticou a xestión da eléctrica Naturgy, cualificándoa de "criminal" para o marisqueo, especialmente cando se baleira o encoro durante a baixamar, o que incrementa a mortaldade do marisco. O BNG leva tempo demandando un protocolo claro para o baleirado de encoros e sancións para as eléctricas que actúen de forma prexudicial.
Ante a próxima caducidade da concesión do encoro do Tambre, Ana Pontón instou á Xunta a asumir directamente a súa xestión, evitando que volva ser entregado a unha eléctrica que "se siga forrando cos recursos do país e, por riba, destruíndo a riqueza das nosas rías".




