Baixo o lema "Eu con Zernadas", centos de veciños e representantes de diversas asociacións do municipio concentráronse hoxe en Fruíme, fronte ao busto de Diego Antonio Zernadas de Castro, para reivindicar o seu labor como precursor do galeguismo e pedir o seu recoñecemento pola Real Academia Galega.
O alcalde, Esteban Ares García, dirixiuse aos académicos preguntando "que máis precisades para recoñecer o labor de Diego Antonio Zernadas de Castro?". A concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, destacou a "unión, conxunto, perseveranza e forza" amosada polo municipio, e concluíu que "Zernadas 2027" é o obxectivo. Agradeceu a presenza de representantes de entidades como o Lesende CF, BTT O Treito, Club de Veteranos de Lousame, Club Atletismo Lousame, Banda de Música de Lousame, Asociación Cultural Prudencio Romo, Asociación de Veciños Zernadas de Castro de Fruíme, UNED Sénior Lousame, o grupo Anduriñas, a asociación folclórica Canlebó de Camboño, O Son do Pote (Tállara) e Autos Comparado.
Ares García tamén subliñou a importancia da unidade demostrada: "Esta foto non a imos poder borrar, e por demostrar que Lousame é quen de unirse para defender a súa cultura". Engadiu que o 250 aniversario do seu pasamento no 2027 é unha data clave para este recoñecemento, xa que Zernadas "defendeu ao galego, se alguén defendeu a Galicia antes incluso de que Galicia se pensase".
O acto central incluíu unha ofrenda floral diante do busto do cura de Fruíme, realizada polo alcalde, a concelleira de Cultura Silvia Agrafojo, José Luís Veiras Manteiga (fillo adoptivo de Lousame) e Ermitas Lorenzo (presidenta da Asociación de Veciños Zernadas de Castro), baixo os acordes do himno de Galicia interpretado pola Banda de Música de Lousame. Previamente, celebrouse a segunda edición da Andaina das Letras, con carteis informativos sobre a vida e obra de Zernadas. A xornada completouse cun xantar popular con máis de 120 participantes.




