A piscina municipal de Lousame abrirá as súas portas o mércores 1 de xullo, en horario de 15.00 a 21.00 horas, de luns a domingo. As entradas e os abonos de tempada poderán adquirirse na casa consistorial.
O Concello tamén convoca os seus cursos de natación, que se desenvolverán nos meses de xullo e agosto. Hai un total de 64 prazas dispoñibles, repartidas en tres grupos de idade: de 4 a 6 anos, de 7 a 10 anos e maiores de 11 anos.
O prezo dos cursos é de 10 euros ao mes. O prazo de preinscrición para empadroados está aberto en Bandoticket.com ata o martes 30 de xullo. As admisións faranse por orde de inscrición. Se quedan prazas libres, abrirase un segundo prazo para non empadroados a partir do 1 de xullo.
Os prezos dos abonos de tempada para a piscina son de 15 euros (para rapazada entre 7 e 15 anos e maiores de 65 anos) e 20 euros para o resto. As entradas puntuais custarán 1 euro (de 7 a 15 anos e maiores de 65) e 2 euros para os demais. Tamén se establece unha tarifa reducida para persoas en situación de vulnerabilidade social.




