O acordo, dotado con 435.573 euros e cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), forma parte dunha estratexia autonómica máis ampla para rehabilitar os hábitats litorais e reactivar a produción marisqueira.
Os traballos de recuperación abranguen unha superficie de 29.920 metros cadrados, situados entre Punta Portomouro e Punta Pedra Rubia. As actuacións inclúen o acondicionamento do substrato e un programa específico para o control de depredadores.
No eido produtivo, a iniciativa contempla a sementeira de máis de 3,5 millóns de unidades de ameixa babosa. Esta intervención súmase aos convenios xa formalizados con outras doce confrarías galegas, entre as que se atopan as de Noia, Muros, Vilaxoán, Vilanova, Moaña, Barallobre, Miño, Carril, Anllóns, Arcade e A Illa de Arousa.




