A presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana Rey, comunicou que durante os meses de xuño e xullo atracaron nos 30 portos deportivos xestionados pola Xunta de Galicia un total de 1.778 barcos de turistas náuticos.
O porto de Muros rexistrou o maior número de tránsitos, con 230 embarcacións (124 en xullo e 106 en xuño). Séguenlle Viveiro, con 205, e Combarro (Poio), con 204.
Segundo indicou Botana Rey, estas cifras son similares ás do ano pasado e confirman o crecemento do turismo náutico en Galicia tras a pandemia. A media de pernoitas sitúase preto das 6 noites.
As asociacións de náutica estiman unha media de 4 pasaxeiros por barco e un gasto diario de 50 euros por pasaxeiro. Isto supón un volume de negocio xerado no entorno directo duns 2,2 millóns de euros neste inicio de verán.
Natalia Botana destacou o esforzo dos xestores dos portos deportivos e ratificou a disposición da Xunta de Galicia para colaborar na mellora das instalacións e servizos, co obxectivo de converter a calidade na identidade da náutica galega.




