O Concello de Muros abriu o prazo de preinscrición para as súas escolas deportivas municipais, que se estenderá ata as 14:00 horas do 19 de setembro de 2026. O proceso é persoal e intransferible e poderá realizarse nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros, a través da sede electrónica municipal ou mediante un formulario en liña.
As actividades impartiranse en diferentes parroquias e pavillóns: Esteiro (Pavillón Xosé Lago), Muros (Pavillón de Miraflores/Piscina municipal), Louro (CEIP Louro), Abelleira (Centro de Sorribos) e Torea (Casa Reitoral). A maioría das escolas deportivas terán unha sesión semanal, agás as de Ximnasia de mantemento en Muros e Esteiro, que contarán con dúas sesións. Os participantes nas ximnasias de Louro, Abelleira e Torea poderán asistir a unha sesión adicional noutras instalacións deportivas previa comunicación ao Concello.
Os horarios definitivos das actividades faranse públicos o 23 de setembro de 2026 e poderán consultarse nos taboleiros dos pavillóns, no Centro Cultural e Xuvenil, na páxina web do Concello (www.muros.gal) e na sede electrónica municipal (sede.muros.gal). Tamén se habilitan teléfonos para consulta: 682 212 336 (pavillón de Miraflores) e 981 762 294 (oficinas do Centro Cultural e Xuvenil).
A adxudicación das prazas será directa se a demanda non supera a oferta, ou por sorteo se hai máis solicitudes que prazas. É necesario un mínimo de 10 persoas para constituír cada escola deportiva. A matrícula, persoal e intransferible, realizarase entre o 24 e o 30 de setembro de 2026, unha vez confirmada a adxudicación e os horarios. A cota de participación anual será de 30,00 €.
As escolas deportivas darán comezo o 5 de outubro de 2026 e prolongaranse ata o 28 de maio de 2027, con interrupcións nos períodos vacacionais. Para participar, é preciso nacer nos anos correspondentes ás quendas e non padecer enfermidades que impidan a práctica deportiva. Os pais, nais ou tutores deberán cumprimentar a autorización pertinente.
O Concello de Muros tamén estudará a posibilidade de incluír novas escolas deportivas se a demanda o xustifica e tratará individualmente calquera circunstancia non recollida nas bases.




