O terceiro gran premio da Organización Nacional de Ciegos Españoles (Once) en caer na vila en menos dun ano supón unha inxección económica de 350.000 euros. O vendedor, Daniel José López Legaspi, quen xa repartira outro premio similar en agosto do ano pasado e un Sueldazo de 1,5 millóns de euros en outubro, despachou dez cupóns agraciados con 35.000 euros cada un.
O responsable da venda, cuxo posto está situado no número 27 da Praza Maior de Meira, confirmou a boa racha: "Estamos en racha total". López Legaspi amosou a súa satisfacción por repartir premios, consciente de que estes eventos tamén impulsan as vendas a curto prazo.
"Durante cinco ou dez días, si, véndese máis. Pero a xente rápido se esquece se non lle toca", comentou entre risas, sen poder desvelar a identidade dos afortunados nesta ocasión. "Supoño que estará moi repartido, desta volta non sei a quen lle puido tocar. De luns a xoves a xente compra o cupón, un, como moito dous", explicou o vendedor.
Daniel desexa que esta axuda económica chegase a clientes habituais e confía en que a racha de sorte continúe para a localidade.




