A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, fixo hoxe entrega dos boletíns das bases de reestruturación parcelaria de San Fiz de Paz, en Outeiro de Rei, aos propietarios dos terreos que abarca a actuación. As bases están expostas ao público no Concello de Outeiro de Rei e na páxina web da Consellería de Medio Rural.
Ademais do reparto dos boletíns individuais da propiedade, que conteñen o resumo dos datos relativos a cada titular e as súas achegas, informouse aos veciños sobre os prazos e materias de recurso. O proxecto comprende un total de 1.749 parcelas, correspondentes a 234 propietarios, e abrange unha superficie total de 1.120 hectáreas.
A directora xeral sinalou a importancia deste tipo de instrumentos para paliar o minifundismo existente na comunidade, así como incrementar o valor das terras e a base territorial das explotacións ao tempo que se evita o seu abandono.
Desde o ano 2020, a Consellería de Medio Rural rematou 40 concentracións parcelarias que beneficiaron a máis de 21.000 propietarios e mobilizaron preto de 30.000 hectáreas. Desde 2021 decretáronse 33 novas parcelarias, con máis de 29.000 hectáreas mobilizadas.
O Goberno galego comprométese a entregar 25 parcelarias antes de 2028 e prevé iniciar os trámites para decretar 7 novas reestruturacións ao longo deste ano.




