A Xunta de Goberno Local aprobará este luns o expediente de contratación destes traballos, que contemplan a creación dun campo de fútbol de céspede artificial, apto para fútbol 11 e fútbol 8, e a mellora e rexeneración do campo de rugby de céspede natural, de 110 por 72 metros.
O novo campo de fútbol contará cun sistema de céspede artificial sen recheo de caucho e catro torres de iluminación LED. Unha vez rematada a instalación e superados os ensaios, deberá obter a certificación FIFA Quality.
A actuación tamén inclúe seis vestiarios para equipos (dous deles femininos), un vestiario para árbitros, aseos, duchas e cabinas accesibles, ademais dos espazos auxiliares necesarios para o funcionamento do complexo.
No campo de rugby levaranse a cabo traballos de acondicionamento do terreo, mellora do substrato e implantación dunha nova cuberta vexetal. Complétase co acondicionamento dos espazos exteriores e a execución das redes de abastecemento, saneamento, evacuación de augas pluviais, rega e subministración eléctrica.
O contrato tramitarase mediante procedemento aberto simplificado. As instalacións poderán entrar en funcionamento sen necesidade de agardar polas futuras ampliacións previstas.




