A empresa lucense Vending Lucus será a encargada de xestionar as máquinas de snacks e bebidas nos hospitais públicos de Lugo (Hula), Burela e Monforte de Lemos durante os próximos cinco anos. En total, instalaranse 96 máquinas.
Estas novas máquinas contan con tecnoloxía táctil de última xeración e inclúen unha función adaptada para persoas en cadeira de rodas, froito dunha adaptación realizada en fábrica en Italia. Ademais, a empresa aposta por ofrecer produtos saudables, como froitas e iogures, así como opcións sen glute para persoas celíacas ou con intolerancias alimentarias.
A oferta inclúe máis de 60 bebidas diferentes e máis de 30 tipos de bocadillos e sándwiches, ademais de seis menús variados. O director xeral da empresa, Javier Seijas, sinalou que os prezos se mantiveron estables respecto á anterior adxudicación, sen previsión de subidas durante a nova concesión.
Vending Lucus, que celebrou o seu décimo aniversario, conta cunha rede de preto de 1.800 máquinas instaladas en organismos públicos e empresas privadas en Galicia e o norte de Portugal, e emprega a arredor de medio cento de traballadores.




