A presidenta da Deputación, Carmela López, fixo entrega das chaves á presidenta de Lugomadera, Mª Carmen Gayoso, no Pazo de San Marcos, onde se celebrou a asemblea extraordinaria da asociación. A unidade móbil conta con equipamento audiovisual e ferramentas demostrativas para impartir accións formativas en materia de seguridade laboral, manexo de maquinaria, técnicas de poda e boas prácticas ambientais e viarias.
A presidenta da Deputación destacou que "apoiar a formación continua e a seguridade das persoas que traballan no monte é fundamental para o desenvolvemento do noso rural. Con esta aula sobre rodas facilitamos que o coñecemento chegue directamente onde está a actividade, mellorando a competitividade e as condicións de traballo nun sector clave para a economía lucense".
A unidade móbil ofrecerá contidos adaptados ás necesidades reais do sector, incluíndo operacións forestais básicas, aspectos normativos, ambientais e preventivos. A seguridade e a saúde laboral terán un papel destacado, con formación específica sobre o uso correcto dos equipos de protección individual e técnicas de traballo seguro.
Esta aula itinerante permitirá impartir formación directamente no monte, facilitando o acceso á actualización de coñecementos sen que a distancia supoña unha dificultade engadida. A Deputación de Lugo reafirma así a súa aposta pola profesionalización do sector forestal e a mellora da seguridade laboral.
A xornada tamén acolleu a Asemblea xeral extraordinaria de Lugomadera, que integra máis de 270 empresas do sector forestal galego. O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, destacou a relevancia da asociación como "un pilar estratéxico para a economía da provincia" e reafirmou o compromiso da Deputación co sector.




