A iniciativa, que xa está lista para ser licitada, contempla a creación dunha nova zona de plataforma única, onde se dará preferencia aos peóns. Ademais, incluirá prazas de estacionamento e unha nova área de xogos infantís para o desfrute dos máis pequenos.
O espazo organizarase en bancais, que integrarán arbolado e unha zona de estar cunha pérgola, buscando mellorar a estética e funcionalidade da contorna. O responsable da área destacou que o proxecto é froito do traballo conxunto coa veciñanza, seguindo a liña doutras actuacións impulsadas polo goberno local.
“"Esta proposta para Paradai permitirá seguir avanzando na cidade dos cinco minutos, traballando da man das veciñas e veciños para conseguir consensos na transformación do espazo urbano dos nosos barrios."
Paralelamente a este proxecto, o Concello tamén impulsou nos últimos días o proceso para contratar a obra dunha pasarela que comunicará a zona baixa do Parque, no entorno do Pabellón Municipal de Deportes, co parque Marcos Cela. Este proxecto, cun orzamento de 1.147.136 euros, xa está en proceso de licitación e busca facilitar o acceso peonil ao río desde o centro da cidade.
Ambas as iniciativas enmárcanse na aposta do goberno local por un modelo de cidade que prioriza a mobilidade peonil e a creación de espazos públicos de calidade, accesibles a un máximo de cinco minutos do domicilio dos residentes. Este modelo aplicouse tanto no centro como nos barrios, con proxectos de reurbanización como o de Recatelo ou a transformación da Mosqueira, que mellorou notablemente a imaxe dunha das zonas máis visitadas da muralla.




