A iluminación acenderase o 4 de decembro ás 18:30 horas, cunha decoración renovada que incluirá máis de 1,3 millóns de microLED, 241 arcos luminosos, 12 árbores de Nadal e máis de medio cento de elementos decorativos en 3D distribuídos por toda a cidade. A superficie iluminada abrangue 15.247,68 metros cadrados, estendéndose por rúas, prazas, rotondas e distintos barrios, combinando arcos luminosos, figuras tridimensionais e instalacións transitables de luz.
Na Praza Maior instalarase un belén con figuras luminosas, un dos símbolos tradicionais destas festas, e unha árbore de Nadal en forma de cono de vinte metros de altura. Ademais, esta praza acollerá o Mercado de Nadal e unha pequena vila de Nadal con casetas de madeira, que permanecerá aberto do 4 de decembro ao 5 de xaneiro, en horario de mañá e tarde. Os postos de alimentación situaranse nun dos laterais.
A programación cultural combinará grandes citas con propostas familiares. Destaca o concerto de Martha Argerich, unha das pianistas máis prestixiosas do mundo e gañadora de tres premios Grammy, así como a actuación de Al Di Meola, o guitarrista estadounidense, o 1 de decembro ás 20:00 horas no Auditorio Fuxan os Ventos, na súa única actuación en España. Tamén se programan concertos de María do Ceo o 25 de decembro na Catedral de Lugo, e actuacións de Sergey Malov, Ismael Serrano, Terra Nova e agrupacións locais.
Para o público familiar, haberá unha carpa interxeracional na Praza da Horta do Seminario con cine, contacontos e actuacións de corais de balde. Tamén se instalarán dous carruseis infantís na Praza do Ferrol e na Praza da Milagrosa, con viaxes gratuítas mediante bonos distribuídos polo Concello. A II Feira de Emprendemento Infantil terá lugar o 12 de decembro na Praza de Abastos, e Diversiarte celebrarase os días 15, 16 e 17 de decembro.
A dinamización comercial incluirá actividades en barrios como Augas Férreas e Fontiñas, con visitas do Carteiro Real, música coral e un tren infantil cuberto. O Concello organizará tamén catro rutas guiadas polo norte de Lugo, con saída desde o Mercado de Nadal, baixo os títulos 'Arte nas rúas', 'Patrimonio milenario', 'Patrimonio natural' e 'Patrimonio contemporáneo'. Ademais, desenvolveranse preto de 60 obradoiros e sesións formativas en espazos como a Fábrica da Luz, o Coliving Artístico Municipal e o Vello Cárcere.




