As actuacións, cun orzamento conxunto de 174.530 euros, céntranse na substitución do pavimento deteriorado por unha solución que combina baldosa de granito nos laterais e adoquín sobre unha capa de morteiro de cemento na zona central. Este sistema busca mellorar a durabilidade e facilitar a substitución de pezas individuais.
En Campo Castelo, a intervención comezou hoxe e céntrase no tramo entre a saída das galerías da Praza Maior e a parte posterior da Casa Consistorial. Na Rúa Nova, os traballos iniciaranse a finais de semana, cun prazo de execución previsto de dous meses para cada obra.
Pola súa banda, as obras na Rúa Milagrosa, que xa están moi avanzadas, inclúen a renovación completa da rede de saneamento tras detectarse problemas nas canalizacións existentes. A actuación tamén contempla a substitución de colectores, pozos de rexistro e acometidas domiciliarias.
Estas intervencións buscan transformar a Rúa Milagrosa nun espazo de plataforma única con prioridade peonil. Coas obras, o Concello de Lugo continúa coa mellora dos espazos públicos, modernizando pavimentos e infraestruturas soterradas esenciais.




