A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou esta tarde en Lugo na xornada Sumando talento ás empresas lucenses: programas de contratación e captación internacional. Alí, referiuse a programas autonómicos vixentes como o Retorna Cualifica Emprego co gallo de captar persoas traballadoras do exterior e dar resposta ás vacantes laborais existentes.
A iniciativa Retorna Cualifica Emprego ofrece ás persoas galegas que emigraron ou aos seus descendentes menores de 55 anos a posibilidade de volver a Galicia con traballos ofertados en orixe. As empresas poderán ofertar as súas vacantes no portal do programa. As persoas seleccionadas recibirán formación e apoios para facilitar a súa instalación.
Lado tamén se referiu á iniciativa concibida para acelerar a integración laboral das persoas acollidas na Comunidade ao proceso de regularización extraordinario impulsado polo Goberno central. Inclúe a sinatura de convenios con entidades sen ánimo de lucro, como Cáritas Diocesana de Lugo, para acelerar a incorporación ao mercado laboral das persoas regularizadas.




