Catro municipios da Ribeira Sacra —Sober, Quiroga, Pantón e O Saviñao— recibiron axudas da Xunta de Galicia por un importe total de 18.575,87 euros para a contratación de socorristas nas súas piscinas municipais.
A deputada do PP, Raquel Arias, subliñou durante unha visita á piscina municipal de Sober que estas achegas do Goberno galego son "fundamentais nos concellos do noso rural, ao contar con orzamentos máis limitado".
A nivel autonómico, a Xunta destinou 1,5 millóns de euros a 187 municipios para financiar os gastos de vixilancia, rescate e salvamento en espazos acuáticos. Desta cantidade, 40 concellos pertencen á provincia de Lugo.
“"Se ben estamos a falar dunha competencia das entidades locais, o Goberno galego bríndalles apoio aos concellos para que estean preparados no momento de maior afluencia de público."
A representante popular engadiu que o apoio da Administración non se limita á axuda económica, senón que tamén inclúe coordinación operativa, cesión de materiais e formación especializada, co obxectivo de que "as familias poidan desfrutar con garantías e tranquilidade".
No ámbito da formación, a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) incrementou as prazas para cursos de salvamento e socorrismo a 455, fronte ás 350 do ano anterior. Ademais, as novas vías de acceso ao Rexistro Profesional de Socorrismo permitiron a inscrición de máis de 600 persoas, sumando un total de 4.621 inscricións activas en Galicia.




