O Sindicato Labrego Galego (SLG), a través dos seus representantes do sector do vacún de carne, acordou por unanimidade rexeitar a proposta da industria e a distribución de incluír novas razas dentro da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega. A organización agraria comunicou que esta idea xerou un "profundo malestar" entre os produtores.
Os gandeiros consideran que esta medida é "un intento máis de eliminar a Ternera Gallega Suprema". Por iso, o sector opónse frontalmente á admisión de novas razas na IXP, "en especial ao que ten que ver coa inclusión de razas como o azul belga, que nada teñen que ver co noso territorio, dentro da categoría Ternera Normal", precisa o sindicato.
“"Mentres o prezo da Ternera Gallega Suprema segue baixando, a industria permítese o luxo de dicir que falta carne"
O SLG denuncia a contradición do mercado, afirmando que "mentres o prezo da Ternera Gallega Suprema segue baixando, a industria permítese o luxo de dicir que falta carne" para xustificar a necesidade de incluír outras razas. Ante esta situación, o sindicato anunciou que iniciará nos próximos días "unha campaña para que o sector coñeza a realidade que está a atravesar e o que significaría para as granxas tradicionais a inclusión de razas foráneas".
En paralelo, o responsable do sector lácteo de Unións Agrarias (UUAA), Óscar Pose, confirmou que case todas as industrias presentaron as súas primeiras ofertas para a renovación dos contratos de subministro. O planteamento inicial consiste en manter os actuais prezos do leite en orixe.
As ofertas presentáronse no prazo establecido, dado que a maioría dos contratos deben renovarse en agosto, e propoñen unha duración de 12 meses, como marca a lei. Non obstante, o prezo non satisfai aos produtores, xa que mantén a cotización actual, que é o resultado dunha baixada previa, e non reflicte o aumento dos custes de produción derivado da situación da guerra en Irán.
“"Esperamos un prezo superior"
Dende Unións Agrarias, interpretan que estas primeiras ofertas son unha táctica para iniciar a negociación. Cren que o obxectivo é que os gandeiros acepten unha duración menor dos contratos a cambio dunha mellora no prezo. Segundo Óscar Pose, é probable que máis adiante chegue unha oferta "cunha duración inferior" na vixencia dos contratos, pero "esperemos que cun prezo superior".




