A iniciativa, impulsada por unha filial do grupo Vall Companys, contará cunha capacidade produtiva superior aos 62 millóns de polos anuais e 1,5 millóns de ovos semanais. A declaración como proxecto estratéxico permitirá axilizar os trámites administrativos necesarios para a súa posta en marcha.
A planta situarase a un quilómetro do núcleo urbano de Friol, nas proximidades da subestación eléctrica de Sobrado. A dispoñibilidade enerxética foi un factor determinante para elixir esta localización, desde onde se subministrarán polos a granxas do norte de España e Portugal.
Este centro reforza a aposta pola innovación e o desenvolvemento económico no sector agroalimentario galego. A empresa promotora destaca que a instalación contribuirá a fortalecer o tecido económico local e a fixar poboación no municipio.




