A Formación Profesional (FP) vive un momento de gran auxe, consolidándose como unha opción formativa esencial nunha sociedade marcada pola tecnoloxía e a especialización. O director do CIFP Politécnico de Lugo, José Luis Blanco Carballido, sinala que a sociedade "se deu conta de que o futuro de moitas persoas, un futuro laboral, pasa por unha formación profesional".
O centro ofrece unha ampla gama de familias profesionais, incluíndo sanidade, fabricación mecánica, electricidade, obra civil e industrias alimentarias. Dispón de modalidades como a formación ordinaria presencial, a distancia para adultos, a FP Dual intensiva e a Formación Profesional Básica, deseñada para reenganchar a estudantes que abandonaron o sistema educativo.
Como novidade, o Politécnico incorporou os certificados de profesionalidade, formación acelerada duns cinco meses orientada a unha "cualificación profesional rápida" en sectores de alta demanda, como o novo certificado de montaxe e mantemento en instalacións eléctricas de distribución.
“"A empresa ten que ser o propio custo de traballo."
O modelo de FP Dual intensiva é un dos piares do éxito, cunha inserción laboral do 100% segundo Blanco Carballido. Este sistema combina entre cinco e seis meses de formación teórica no centro coa incorporación do alumno a un entorno de traballo real. O director subliña a importancia de que "a empresa teña que ser o propio custo de traballo".
Esta conexión materialízase en acordos con empresas relevantes da provincia como Nortempo, Norvento ou Río. A colaboración é mutuamente beneficiosa: a empresa participa na formación e atopa unha "fonte de futuros traballadores". Blanco Carballido asegura que con este modelo, "as competencias profesionais correspóndense ao 100% co futuro posto".
O obxectivo final do centro é "preparar para un mundo laboral". As taxas de inserción laboral xerais superan o 85%, o que evidencia que se está a dar "unha resposta ás necesidades" do mercado de traballadores cualificados.
Dende a súa transformación en centro integrado en 2011, o Politécnico de Lugo apostou pola innovación educativa, manténdose atento ás novidades do ámbito laboral como a dixitalización, a IA ou a industria 4.0 para trasladalas ás aulas. Este esforzo reflíctese no éxito en competicións como Galicia Skills e Spain Skills.
“"A FP xa non é unha alternativa ou un plan B, agora é potente."
Blanco Carballido lanza unha mensaxe clara a quen dubida sobre o seu futuro académico e profesional: "A FP xa non é unha alternativa ou un plan B, agora é potente". Anima a non ter medo e a velo como "unha vía moi rápida cara a un posto de traballo digno", lembrando ademais que non é un camiño final, xa que tamén "abre as portas á universidade".
O período de admisión para o próximo curso permanece aberto ata o 30 de xuño. O proceso de matriculación realízase de forma telemática.




