O proxecto de reforma do Carril das Flores, unha vía que tamén forma parte do Camiño Primitivo en Lugo, está a tomar forma. Aínda que a data de finalización non se coñece, os traballos xa permiten apreciar a metamorfose da rúa, que gaña espazos vexetais onde antes só había asfalto e beirarrúas.
A intervención transformou a rúa nunha plataforma única, delimitando unha zona para o paso de vehículos cara aos garaxes e o aparcadoiro do Froiz. No centro, creáronse parterres onde se plantaron árbores e plantas ornamentais, aportando vexetación á zona.
A obra, impulsada inicialmente polo BNG na área de Infraestruturas do Concello, tamén implicou a demolición dunha antiga pasarela entre a rúa Montero Ríos e o edificio do Froiz, substituída por unha estrutura máis estreita para eliminar o efecto túnel.
Durante a demolición, xurdiron contratempos. Detectouse que a plataforma antiga estaba unida estruturalmente ao edificio do Froiz. Para garantir a seguridade, optouse por separalas cunha nova liña de piares metálicos. A aparición de tubaxes e servizos subterráneos non previstos nos planos tamén obrigou a ampliar os traballos de escavación e cimentación.
Ademais, quedou á vista o muro orixinal de Montero Ríos, cuxo trazado exacto se descoñecía. Isto requiriu reaxustar as dimensións da nova estrutura, seguindo as indicacións da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Estes axustes encareceron a obra en 112.206 euros.
O actual goberno tamén levou a cabo a expropiación dunha casa en ruínas anexa, que será demolida para acondicionar o terreo como espazo público, ao nivel do Carril das Flores.




