En resposta a unha pregunta do Partido Popular no Senado, o ministro Óscar López asegurou non estar "conforme" ata que non se cumpra "co 0,6% restante". "Non nos conformamos, imos a por o 100%", aseverou o titular da carteira.
O ministro contrapuxo a situación actual coa do anterior goberno do PP, afirmando que existían "60 puntos menos de conectividade". Para ilustrar o avance, exhibiu un mapa da provincia que amosaba a diferenza de cobertura entre ambos os executivos. Segundo os datos presentados, a cobertura de fibra óptica na provincia de Lugo sitúase no 78,91%, o que supón 46 puntos máis que o 32% rexistrado co PP. No caso da banda ancha, a mellora é do 36%, pasando do 51% ao 87% actual.
O Goberno central, segundo López, investiu 60 millóns de euros en conectividade na provincia de Lugo dende 2021, desglosados en 28,6 millóns para banda ancha, 21,9 millóns para redes activas de 5G e 11,8 millóns para outras redes de 5G. A pesar destes avances, o ministro recoñeceu que "falta xente con conectividade, por suposto", pero recalcou que a situación é favorable en comparación con países como Alemaña, que ten "tres veces menos de conectividade", e comprometeuse a "seguir traballando" para alcanzar o obxectivo do 100%.
“"Falta xente con conectividade, por suposto. Non nos conformamos, imos a por o 100%."
Pola súa banda, o senador popular lucense José Manuel Balseiro denunciou que, "lonxe da propaganda", "preto de 30.000 fogares" no rural de Lugo "seguen sen acceso a unha conexión digna en pleno ano 2026". O representante do PP alertou de que "miles de familias" do rural galego "continúan vivindo nun auténtico apagamento tecnolóxico", con veciños que "seguen sen fibra, cobertura óptica deficiente ou sen acceso a Internet".




