Os clubs deportivos da cidade de Lugo terán a posibilidade de utilizar os pavillóns deportivos de sete institutos públicos durante as tardes e as fins de semana. Este acordo, oficializado este venres mediante a sinatura dun convenio entre o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e a alcaldesa, Elena Candia, busca regularizar unha práctica xa estendida pero que carecía dun marco normativo claro.
A aplicación deste acordo comezará co inicio do novo curso escolar no pavillón dos institutos Ollos Grandes e Lucus Augusti, que xa son empregados habitualmente por nove clubs lucenses. Progresivamente, estenderase ao resto de centros dependentes da Consellería: Sanxillao, Leiras Pulpeiro, Muralla Romana, Ánxel Fole e o Politécnico.
"Este convenio permítenos dar estabilidade e garantir que os clubs poidan seguir desenvolvendo a súa actividade nun marco claro e seguro. É un exemplo de que, cando as administracións colaboran, é posible ofrecer solucións útiles para a cidade", destacou a alcaldesa. Pola súa banda, o conselleiro subliñou o "desperdicio" que supón ter instalacións demandadas sen uso durante as tardes ou os fins de semana.
O documento establece que o Concello de Lugo asumirá os custos derivados do uso das instalacións, incluíndo a limpeza posterior a cada actividade, a xestión da apertura e peche dos centros, e o abono dunha parte proporcional dos gastos de electricidade, auga e calefacción. Tamén será responsable de contar cun seguro de responsabilidade civil e designar unha persoa que supervise as actividades.
A rexedora anunciou a adquisición dunha nova máquina de limpeza para facilitar a posta a punto das pistas deportivas tras o seu uso polos clubs.




