A presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, mantivo unha reunión institucional co presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo, Basilio Otero, quen tamén ostenta a presidencia da confraría de Burela. O encontro tivo lugar na sede do ente público en Lugo.
Na xuntanza abordáronse os eixos de traballo prioritarios para a presidencia de Portos de Galicia, cargo que Botana ocupa dende o pasado 17 de xuño. Esta reunión enmárcase nunha rolda de encontros institucionais que a presidenta está a manter cos representantes do sector marítimo.
Previamente, Botana xa se reuniu co presidente da federación galega de confrarías e patrón maior de Ribeira, así como cos presidentes das federacións provinciais da Coruña e Pontevedra. Nas próximas datas, continuará as súas xuntanzas cos representantes do sector náutico recreativo e operadores portuarios.
Durante o encontro, puxéronse en común as principais liñas de actuación de Portos de Galicia para os portos lucenses, así como as problemáticas e necesidades dos colectivos profesionais. A presidenta de Portos de Galicia reiterou a súa vontade de coordinar co sector as estratexias para que os portos aporten valor engadido á actividade produtiva dos profesionais do mar.




