Desde o pasado mércores, cando se abriu a campaña, ata primeira hora de hoxe descargáronse máis de 19.500 bonos. O delegado territorial, Alfonso Villares, sinalou que hai máis de 900 establecementos adheridos na provincia, dos cales preto de 300 están na cidade de Lugo.
Na capital, os descontos xa superan os 111.000 euros, cunha mobilización total de vendas de máis de 503.000 euros e máis de 6.900 bonos descargados. Villares visitou tres comercios adheridos na cidade: a librería Balmes, a tenda de roupa infantil O Baúl Branco, e a óptica Lentes, acompañado polo presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas.
A Xunta habilitou un total de 2,5 millóns de euros para esta campaña. Na mañá de hoxe restaban algo máis de 130.000 euros para esgotar o orzamento, momento a partir do cal xa non se poderán utilizar os bonos.




